Acaba de aparecer a segunda crítica d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena. O texto é de Francisco Martínez Bouzas e foi publicado nas páxinas de El Correo Gallego o pasado 30 de decembro. Recollemos algúns dos parágrafos dun texto moi gabancioso coa novela:
Lisboa, a cinsenta, ambigua e á vez brillante e fermosa capital dun país niño de espías e intrigas internacionais durante a II Guerra Mundial, sérvelle ao escritor para ambientar e situar a acción dunha excelente novela que tira do lector desde a primeira liña. Porque, cando o fragmentarismo ou os trebellos metaficcionais comezan a nos empachar, Pena volve ás canles da novela de sempre e cóntalle ao lector unha verdadeira historia, que racha cos lindes xenéricos e sutura en doses equilibradas, elementos da novela de acción, da novela negra, de espionaxe e o thriller sentimental, actuando a intriga como fío que turra constantemente da atención lectora.
[…]
Pena conxuga con habilidade elementos históricos, como tal a presenza dos seguidores do movemento ultrafascista portugués Rolão Preto, que pretendera anexionar Galicia durante a Guerra Civil, cunha rede argumental enteiramente ficcional. Mais a ficción é o grande marcador semántico que somete ás súas leis acontecementos e personaxes historicamente verificables. Endalí que A batalla do paraíso triste é unicamente ficción, unha novela que ilustra fermosamente un retallo da historia portuguesa. Cun estilo limpo, áxil e natural e un ritmo fluído, o narrador conta unha verdadeira historia que racha cos xéneros.
A novela consolida definitivamente, se aínda non o estaba, un soberbio narrador, que sabe resistir as urxencias de publicar cada ano, pero que, na miña estima, non está sendo valorado como cumpriría. Estamos nun intre no que o sistema literario galego e o aparello promocional dalgúns dos seus axentes máis importantes decidiron apostar, quer pola cota da discriminación positiva, quer por puro marketing, por caras máis novas e máis bonitas. Pero a fermosura e a novidade, nestes eidos literarios, non son sinónimo de calidade e as modas son sempre efémeras e pasaxeiras.
Etiquetas: a_batalla_do_paraíso_triste, el_correo_gallego, francisco_martínez_bouzas, novela, xosé_ramón_pena
Marzo 17, 2009 ás 9:19 am |
En total desacordo. A novela é moi, moi mala. Non hai trama nada máis ca uns diálogos lamentábeis. Os personaxes son puras caricaturas. As cuestións históricas son unha trapallada. A suposta relación amorosa non a cren nin os nenos. O final é de risa. Que máis?