Isabel Soto publica no espazo de crítica de «lg3» un interesantísimo traballo sobre O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Esta obra foi gañadora do Premio Isaac Díaz Pardo 2008 ao mellor libro ilustrado do ano. Recollemos algúns parágrafos do texto de Isabel Soto:
Fronte á gran cantidade de títulos que se publican, hai libros –poucos– que invitan ao paseo demorado polas súas páxinas, a se recrear nas palabras e nas imaxes que nos achegan, a recorrer a eles moitas veces na procura dun respiro no camiño. Este é sen dúbida o caso do Libro das viaxes imaxinarias que nos propoñen Xavier P. Docampo e Xosé Cobas, un volume especial que salta á vista pola súa coidada edición e a fermosura de cada unha das páxinas, algunhas das cales nos convidan a desencartalas e a estender perante a nosa ollada o traballo extraordinariamente rico e en absoluto redundante do ilustrador, máis coautor ca nunca neste caso, pois ben se percibe que o libro xurdiu tras dun reflexivo proceso de intercambio de pareceres entre ambos os creadores.
[…]
O lector mergúllase así, canda o Viaxeiro, nunha viaxe por trinta lugares imaxinarios, na que o acompañamos nesa esculca dos espazos que percorre, reinos, cidades, camiños, vales e montañas, aceptando o seu convite a nos arredar por veces do itinerario dereito. Canda el tamén descubrimos a través dos seus ollos marabillas poeticamente descritas, detalles arquitectónicos ou paisaxísticos que absorben a súa atención e o retrato dos habitantes que poboan eses enclaves, os seus costumes, tristuras, miserias, preocupacións e alegrías, xentes coas que o Viaxeiro, e tamén nós, imos establecendo relación e polas que imos sendo acollidos.
[…]
Alén da viaxe, o volume constitúe un acto de amor polo libro, a palabra, a imaxe e a lectura. Un libro destas características semella reclamar de nós unha lectura pausada, calma, sen présas e mesmo funciona mellor, ao meu ver, non dende o convencional respecto á sucesión dos distintos capítulos, senón case abríndoo ao chou para deixarse levar polo azar, pola intensa emoción que xorde, como unha súpeta epifanía, ao contemplar con gozo a beleza, ao saborear palabras que gañan na lectura en voz alta e ao nos recrear nas súas suxestivas imaxes. Aí reside tamén o seu carácter de libro especial ou libro obxecto, que non deixará de ter vixencia por máis que pase o tempo, e ficará nos andeis, sempre accesible para cando o precisemos e desexemos gozar da súa beleza literaria e plástica.
Etiquetas: isabel_soto, lg3, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_cobas
Deixar unha resposta