«Mil cretinos» ou o home que miraba pola fiestra

Rafael Fernández Lorenzo publica no Cartafol de libros unha crítica sobre Mil cretinos, o libro de Quim Monzó traducido por Helena González.

xg00152301Monzó é escritor, tradutor e periodista, pero na súa ampla obra destacan sobre todo os contos e os relatos breves. Pasaron xa algúns anos dende que publicou o seu anterior libro titulado Splassshf, unha recompilación da súa extensa traxectoria narrativa. Reaparece agora coa obra Mil cretinos, acadando de saída o Premio de Narrativa Maria Ángels Anglada.
En Mil cretinos, Quim Monzó mira pola fiestra os balcóns e as tarandeiras da vida que abanean prendidas polas rúas de Barcelona, páxinas prendidas de estraños signos que non queren dicir nada máis alá do normal, do frecuente e habitual. As fiestras son os pulmóns e os ollos das casas, por elas respiramos e miramos, ata algunhas veces saltamos.
A escrita de Monzó en vez de axustar e encaixar convencionalmente a estructura da obra para que estea lista, preparada e finiquitada, bate nos metódicos mecanismos invertindo o proceso creativo, como un reloxo no que as agullas xiran ao revés, pero que rematan sempre con idéntico contido no mesmo final.
Nos relatos A chegada da primavera e O señor Beneset Monzó aborda con ironía e con certa retranca a lóxica dexenerativa das persoas, xogando coa inversión dos roles, de como os fillos pasan de ser os coidados para converterse en “coidadores”. Hai na súa escrita algo surrealista e paranoico, un xeriátrico imaxinario que se sacude as verbas e procura a saída dun labirinto que non ten entrada.
Pero é no relato titulado O corte onde este magnífico traballo acada, ao meu parecer con mestría unha perfecta simbiose entre o absurdo e o real.
A obra do finado Monterroso ten certa semellanza á de Monzó, de non ser pola ovella negra que demente pace polas grandes obras de Miró e de Picasso.
Qim Monzó, constrúe pequenos castellers que se erguen con palabras lixeiras nun mecánico proceso de ironía e acada aos poucos, cun espelido anxaneta os cumios dos relatos saudando sutilmente e con sarcasmo á multitude. Mil cretinos é unha fiestra pola que mirar o cotián, o insólito e excepcional da nosa existencia.

Etiquetas: , , , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: