Alba Piñeiro recomenda nas páxinas do suplemento «Bule Bule» d’ A Nosa Terra desta semana Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra premiada co Merlín de literatura infantil deste ano. Reproducimos tan interesante recomendación:
A xornalista Mar Guerra vén de gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2008 coa súa novela, Xenaro e o misterio da mochila verde. Cuxa definición por parte do xurado coma «un thriller psicolóxico» é de todo atinada. Trátase dunha historia actual que se desenvolve entre rapaces preadolescentes no colexio onde estudan e ao que acaba de chegar un novo alumno, que axiña esperta a curiosidade dos demais.
A concepción do libro, tanto na sua estrutura externa (vinte e tres capítulos) como na interna (argumento e perspectiva narradora a partir do protagonista), exerce unha atracción ao mozo lector ao sentirse identificado por unhas situacións, que lle son familiares, e estar contadas cunha linguaxe directa e chea de humor. Ao longo dos curtos pero intensos capítulos, Xenaro Conese Maiusculo e mais os seus amigos exercerán de detectives para descubrir o «misterio» agochado tras da gran mochila verde e o seu dono. Esta descuberta vai significar tamén un achado de coñecemento a nivel persoal, que lles permitirá entender as causas que levan a cometer certos actos e, sobre todo, a valorar o sentido da palabra amizade. As ilustracións realistas e vivas de Fernando Llorente están en sintonía co ton textual.
Etiquetas: alba_piñeiro, a_nosa_terra, fernando_llorente, mar_guerra, novela, xenaro_e_o_misterio_da_mochila_verde
Deixar unha resposta