«O libro das viaxes imaxinarias», lectura de X.M. Eyré

Recollemos a nota de lectura sobre O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas que publica hoxe X.M. Eyré no seu blog:

xg00141201Lidos dez capítulos dos trinta que ten, un adxectivo único perocorre, en letras capitais, os meus pensamentos: MARABILLOSO. Ou, unha marabilla de libro. O aspecto gráfico, autoría de Xosé Cobas, na miña opinión é precioso, sinxelamente precioso. Ilustracións feitas con moito gusto, moi ben integradas no libro, desde a cor aos motivos ilustrados, que reflicten unha fonda reflexión sobre o texto, o que sempre se agradece, que non sexan simples acompañantes.

Os textos, que lles vou dicir?! Teño medo que acabe o libro, non quero.

Voulles deixar aquí os primeiros dez bocadiños desta pelegrinaxe pola fantasía, pola realidade, pola memoria, pola literatura e pola esperanza ( que bonita definición e xusta, permítanme esta autogabanza, igual a reservo para a crítica). É que, desde que comecei a lectura, todo foi atopar textos logrados desde a sensibilidade, o coñecemento e o oficio de ourive vello que manexa as palabras coa contundencia e delicadeza que só nos grandes libros se atopa. (Tamén merecen outra xuízo, pero de momento resérvoo)

Van eses bocadiños, a gozar, meus:

En Arimoi o Viaxeiro só pode demorarse tres días. No solpor do terceiro o visitante ten que estar xa extramuros. Hai casos en que o Primado concedeu un permiso especial a persoa principal, mais sempre foron prórrogas de tres en tres días (19)

Arama é un lugar no medio de ningures que chama polo viaxeiro desde o renxer continuo das carricantas e a secura areosa dunhas rúas de fino po branco. Ándase por elas no temor dun vento que espila esa brancura virándoa en nube que envolva o transeúnte, penetrándoo por todos os orificios até afogalo (27)

Non debían estar afeitos ás visitas en Arodisi, porque cando o viaxeiro entrou todos parecían agardalo e non tardaron en formar corro arrredor del. A tarde enleouse coa noite e era esta moi avanzada cando o Viaxeiro probou o duro leito que lle ofreferan naquela casa (39)

Tamén lle dixeran desta cidade de Aruasi que era o reino das persoas xustas. Así que, sen pensalo máis, torceu polo camiño da esquerda, aquel que levaba a ese lugar que, de ser certo o que dicían, sería o paraíso.

Que pensariamos de quen pasa á beira do paraíso, encontra a entrada franca e non entra ? ( 41)

O que si ten o reino de Ariode son dúas capitais: Ailito a actual e Ailute a antiga. Nesta última só teñen lugar os seres que habitaron o reino nos tempos máis remotos, aqueles que aparecen nos libros de historia coma os de maior gloria ou ignominia do reino (49)

coñecedores do seu pasado, poidan construír un presente feliz e un futuro esperanzador (52)

Si, alí estivera nun tempo Amri, a cidade que o viaxeiro procuraba. Víanse restos do que foran as súas casas e das que non ficaban máis que os alicerces, coma marcas do espazo que nalgún tempo ocuparan (55)

…porque o futuro só lle é digno  de ser desexado cando garda no seu rostro a pegada clara do pasado.” 61)

De sempre sentira falar do reino de Aibone e das súas xentes. Dicíase que vivían nunha sociedade perfecta organizada por enriba daquela putrefacción que se estendía aos pes da súa plataforma arbórea. Tamén só eran mulleres e só mulleres xeraban non se sabe como. Aló enriba reinaba a harmonía (68-69)

De Adiebo non sabe máis que o nome e descoñece todo canto alí lle pode agardar. Alguén ao pé do viaxeiro, nun alto do camiño para comer un bocado e asearse un pouco, pronunciou o nome do lugar (71)

Pero estes carreiros desaparecen de cada pouco porque as árbores de Aimefue teñen a particularidade de se moveren ao seu antollo do mesmo xeito que que fan os seres humanos nos seus reinos (77)

Etiquetas: , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: