10 de decembro 2008: Sesenta Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Cartel (Trazado) [Convertido]

O vindeiro 10 de decembro celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova un acto cívico, con motivo do sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no que se presentará o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz, coordinado polo recentemente desaparecido Xesús R. Jares.

O acto, que será conducido por Manuel Romón, contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Abel Caballero (alcalde de Vigo), Manuel Bragado (director de Xerais) e unha representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no volume de Literatura Galega pola Paz. Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e os profesores da Escola de Música Tradicional de Vigo, compoñentes da agrupación Son de seu, interpretarán diversas pezas. Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.

xg00160901Durante o ano 2008 celébrase o 25 aniversario de Educadores pola Paz, grupo que forma parte do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega. Para conmemorar esta efeméride, Xesús R. Jares, desaparecido o pasado mes de setembro, impulsou a publicación dunha triloxía, Educación e Paz, coa intención de que recollese as achegas dos homes e mulleres que, ao longo destes anos, veñen traballando arredor dos obxectivos que promove Educadores pola Paz. Con esta intención naceron os tres libros que constitúen o proxecto, deseñado en colaboración con Edicións Xerais de Galicia. Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz, que recolle textos narrativos e poéticos de autores e autoras galegos inspirados na cultura da paz. Textos que tanto polo seu valor literario como polo seu contido temático, poidan ser utilizados nas aulas para espallar os obxectivos que defende Educadores pola Paz.

Participan no volume quince narradores (Rosa Aneiros, Ramón Caride, Fina Casalderrey, Francisco Castro, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, Jaureguizar, Manuel Lourenzo González, Xosé Miranda, Teresa Moure, Xavier Queipo, María Reimóndez, Manuel Rivas, Anxos Sumai e Suso de Toro) e catorce poetas (An Alfaya, Fran Alonso, Celso Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Antonio García Teijeiro, Olga Novo, María Xosé Queizán, Román Raña Lama, Daniel Salgado, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel e Rafa Villar), aos que se engaden os textos creados polos membros do Obradoiro de Lingua Gianni Rodari, vencellados ao movemento de Educadores pola Paz.

Os dereitos de autor xerados pola venda deste terceiro volume, editado como os anteriores por Edicións Xerais de Galicia, destinaranse, a partes iguais, a Amnistía Internacional-España e a Greenpeace-España.

Este acto de conmemoración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e de presentación de Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz está organizado pola Concellería de Educación do Concello de Vigo, por Educadores pola Paz de Nova Escola Galega e por Xerais, contando coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte e de Caixanova.

O cartel do acto, así como a portada do libro, foron deseñados por Ángel Cerviño.

Advertisements

Etiquetas: , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: