Lara Rozados entrevista a Marilar Aleixandre, autora d’ A Cabeza de Medusa, Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, na edición desta semana d’ A Nosa Terra. Recollemos varios parágrafos:
A novela comeza “O día en que ía ser violada…” anticipando xa a base do conflito, pero despois vai moito máis alá do que se presenta como o drama inicial.
As verdadeiras aventuras son as que parten dun conflito: xa o fixen noutras novelas como A banda sen futuro, Rúa Carbón… Foi unha decisión moi consciente: non me interesaba centrar a novela na violación física, na máis obvia, que acontece ao comezo de todo. O que está por baixo é a contraposición entre a visión do patriarcado e a visión feminista dun conflito, e desta última tamén participan homes. Non quixen tampouco que fose maniquea, senón que na novela os rapaces tivesen tamén esa actitude feminista. O caso é que non é posíbel unha visión neutra: ou pensas que as mulleres “están en disposición de ser usadas”, como di a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, ou que teñen os mesmos dereitos cós homes, non existe neutralidade posíbel.
As protagonistas da novela, de feito, son dúas rapazas moi loitadoras. Faltan referentes xa non femininos, senón feministas, na literatura xuvenil?
Máis que as rapazas, é a profesora que discute na clase sobre as Metamorfoses de Ovidio: por que as mulleres violadas eran convertidas en oso, en xabarín, en porco, e Neptuno, Xúpiter e demais quedaban impunes? Ela suscita esa reflexión, achega un novo xeito de interpretar o mundo. Eu noto un cambio: eu son profesora na Universidade, e comprobei que nos últimos tempos están a cambiar as cousas. Pero acontece, tanto na narrativa como nos libros de texto, ás veces van por detrás da realidade.
Etiquetas: a_cabeza_de_medusa, a_nosa_terra, caixa_galicia, lara_rozados, marilar_aleixandre, novela
Deixar unha resposta