A vida do outro de Carlos G. Reigosa é a obra gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2008 dado a coñecer no día de hoxe. «Que me fixo a min a Transición e a consolidación democrática posterior?» é a pregunta que trata de responder, aos cincuenta e seis anos, o protagonista da obra, o director dun xornal madrileño (de orixe galega), cando despois de ter un amago de infarto se decata que non se coñece a si mesmo. Escrita toda ela en primeira persoa, A vida do outro é, en palabras do autor, «unha novela sobre o xornalismo e a vida». Carlos G. Reigosa, autor dunha longa obra narrativa e ensaística toda ela en galego publicada por Xerais, agarda estes días a publicación de Laxeiro por si mesmo, no que recupera a entrevista, aínda inédita, que lle fixera hai vinte anos ao xenial pintor de Botos. Case vinte e cinco anos despois de obter o primeiro Premio Xerais de Novela por Crime en Compostela, Reigosa recunca nun dos máis prestixiosos premios literarios das literaturas galega e castelán que, precisamente, leva o nome de Gonzalo Torrente Ballester, a quen Reigosa lle fixera en 1983 un importante libro de conversas. Os nosos maiores parabéns para o noso amigo Carlos.
Aconsellamos escoitar a entrevista que hoxe lle fixeron no «Diario Cultural» da Radio Galega.
Etiquetas: a_vida_do_outro, carlos_reigosa, crime_en_compostela, diario_cultural, laxeiro_por_si_mesmo, novela, premio_torrente_ballester
Novembro 12, 2008 ás 6:35 pm |
[…] «Laxeiro por si mesmo», novo libro de Carlos G. Reigosa Con motivo dos actos organizados en Vigo pola Universidade Menéndez Pelayo con motivo do Centenario do pintor Laxeiro, poñerase á venda na segunda semana de decembro Laxeiro por si mesmo, o novo libro de Carlos G. Reigosa. […]