O mércores, 5 de novembro, no Auditorio de Cedeira, ás 10:30 horas, dentro campaña de animación lingüística «Voces á orella», organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia, haberá unha representación do espectáculo «Os soños na gaiola» da compañía do Trinke Trinke. Este espectáculo, dirixido a nenos e nenas de nove a catorce anos, constitúe unha homenaxe ao poeta Manuel María e ao cantautor Suso Vaamonde, que musicara os seus versos. Unha función na que, empregando a música e o xogo, se dan a coñecer parte dos poemas d’ Os soños na gaiola, libro senlleiro na lírica galega dedicada á infancia, publicado dentro da colección «Merlín» de Xerais.
Un velliño procedente do mundo rural pasa os últimos días da súa vida vivindo nun piso dunha filla, en calquera cidade galega. Un día recibe a visita da súa neta, que é unha moza á que non ve desde hai anos. A través de distintos obxectos que o vello conserva nun baúl, e a través das poesías de Manuel María, avó e neta van lembrar a non tan lonxana vida na aldea.
Etiquetas: cedeira, manuel_maría, os_soños_na_gaiola, trinke_trinke
Deixar unha resposta