Herminio Barreiro, autor de Recordar doe, é entrevistado por Iago Martínez en Tempos. Recollemos varios fragmentos:
Aos vinte anos nin doe recordar nin doe nada, pero a unha certa idade si. Recordar doe porque é tomar conciencia do paso do tempo. Por que hai unha certa amargura no que se lembra? Porque xa non existe. Nin a vivencia nin o espazo da vivencia. Desapareceu. O título é algo que apareceu ao escribir o libro, cando falo dun mestre meu que fora torturado na guerra. Era un gran matemático pero perdera facultades. Eu axudáballe a recuperalas. As clases eran como un traballo conxunto dos dous, e el dicíame que recordar doe porque é volver pasar as cousas polo corazón. Gustoume. Pensei que era un bo título para o que estaba a facer, pero non estaba seguro. Un día, aquí a carón da facultade, vin unha pintada preciosa. Para provocar aos profesores, os estudantes escribiran “pensar non doe”. Pensei: teñen razón, pensar non doe, pensar é un pracer.
[…]
Brais Pinto foi un grupo de renovación política e cultural. Un grupo de amigos que nos xuntamos, un pouco por casualidade, alá en Madrid, e a través dunha serie de tarefas, da publicación de pequenos libros de poesía, formamos unha especie de escola mutua. Empezamos todos a influír uns nos outros, a falar uns cos outros, a educarnos uns aos outros, ás veces inconscientemente. As conversas de café, os comentarios sobre unha película que viramos xuntos, a crítica dos últimos libros que acababamos de ler, os acontecementos que estaban a ocorrer… Todo iso foi conformando unha maneira de ver o mundo. E o máis curioso, como di Ramón Lourenzo, é que eramos todos moi distintos.
Etiquetas: barreiro, memoria, recordar_doe, tempos_novos
Deixar unha resposta