Ramón Nicolás publicou na edición do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia do pasado sábado 11 de outubro unha crítica sobre a novela de Begoña Paz As mellores intencións. Reproducimos o texto.
A CORUÑESA BEGOÑA PAZ ACADA O PREMIO «CENTENARIO DA CIDADE DE RIVEIRA» CUNHA SUXESTIVA E INTENSA NOVELA DE XINEA BREVE
Begoña Paz (A Coruña, 1965), tras a súa anterior entrega narrativa para adultos -aquela compilación de relatos titulada A ferida (2004) e que prefiguraba unha voz máis que prometedora-, dá agora os seus primeiros pasos no xénero novelesco con As mellores intencións, volume co que conseguiu, ademais, o premio de novela curta “Centenario de Cidade de Riveira”.
Se naquel seu primeiro libro despuntaban trazos como a vontade de espellar unha realidade, talvez a cara máis escura e dolorida desta, marcada pola traxedia e o fracaso, pola posible destrución ou autodestrución das vidas; arestora, nesta novela estruturada en trinta breves capítulos segue a afondar nalgúns dos elementos devanditos. Alén de se reafirmar, por outro lado, na habelencia e eficacia á hora do manexo das perspectivas narrativas, é quen de amosar un discurso sólido desde o que se posibilita acceder ao labirinto duns personaxes que se sitúan no gume das psicopatías e que procuran o seu sitio sen atopalo nunca, ou case nunca.
A autora alicerza o foco temático na atracción que Aldara, unha nena desvalida, maltratada e que sobrevive nun contexto familiar cada vez máis degradado, exerce en Gabriel, un home en primeira instancia pasivo e anódino que camiña, ou debería camiñar, cara a unha mudanza na súa vida mais que só aprende a ter talento para a conspiración. Malia que o destino lle depara un despreocupado “oficio de sombra”, perfílase como alguén obsesionado por deseñar un futuro que tampouco está nas súas mans, véndose atrapado no devalar dunha relación pouco convencional e destrutiva. E, aínda que en esencia esta sexa a formulación da proposta, resulta rechamante como a novela ten o mérito de revisitar outras referencias temáticas que abalan na dicotomía entre a culpabilidade e a inocencia, para logo suxerirnos repensar asuntos como a violencia, a decepción ou o medo á morte co eco das vidas posibles nunca vividas.
N´As mellores intencións, ademais, escintila con intensidade o ronsel posible do amor e do desamor; espella actitudes e sentimentos como o desprezo e o rancor, mais tamén hai algún espazo para reflectir a tenrura; afonda na real existencia da infelicidade, no desexo e nos golpes que dá a vida, nas consecuencias dos perdedores…, e sempre desde a perspectiva dunha sorte de thriller psicolóxico alimentado polas obsesións e, sen dúbida, polos abismos que o ser humano encerra.
Etiquetas: às_mellores_intencións, begoña_paz, culturas, la_voz_de_galicia, novela, ramon_nicolás
Deixar unha resposta