Le Clézio, Premio Nobel de Literatura 2008

Jean Marie Gustave Le Clèzio obtivo hoxe o Premio Nobel de Literatura 2008. Xerais publicou en 1987, dentro da colección Xabarín (daquela dirixida por Luís Mariño e X.L. Méndez Ferrín), Mondo e outras historias, o seu, ata agora, único título en galego. En 1989 a tradución de Valentín Arias e Raquel Villanueva obtivo o Premio Ramón Cabanillas e o Premio Nacional á mellor tradución.

En Mondo e outras historias, protagonistas de nomes exóticos (Mondo, Lullaby, Alia, Daniel Sindbad…), rapazas e rapaces que arelan experimentar toda caste de sensacións, descobren as súas propias fantasías grazas a viaxes que realizan a poder de imaxinación. Suxeridoras viaxes que nos levan a Barasali, Dahlar Kebir ou Hazaran, onde a luz, a cor, o sol, rexen as súas vidas que precisan saír ó mar, botárense ó mundo á procura dos seus soños. Son adolescentes, cos seus problemas, que procuran a natureza como elemento liberador.

Segundo se recolle na nota introdutoria da edición, preparada polos tradutores galegos, os textos de Le Clézio posúen un «raro poder», o don poético de abolir as fronteiras, todas as fronteiras, as que separan ao home das cousas, as que separan as cousas entre si, e tamén as fronteiras do home dividido, separado en compartimentos estancos no seu propio existir. «Este escritor, tan nostálxico ás veces, representa a vida d ehoxe, lamenta a destrución da natureza, a proliferación das cidades de cemento e a tiranía da civilización mecánica na que todos estamos inmersos.» Para concluír, «a lectura fácil de Le Clézio preséntase baixo un modelo de ciencia-ficción na que a procesión de visións nos deixa un camiño aberto para unha filosofía-ficción».

A tradución deste libro de oito contos, a primeira versión noutro idioma distinto do orixinal francés, actualmente está agotada.

Jean-Marie Gustave Le Clézio naceu o 13 de abril de 1940 en Niza, onde fixo os seus estudos no liceo para proseguir na Universidedade de Letras, onde se licenciou en 1960; logo traballou en Inglaterra, na Universidade de Londres. Aos seus 23 anos revelouse como un gran escritor coa publicación da súa primeira obra Le procès verbal (1963), que obtivo o Premio Renaudot e que supón xa unha ruptura coa literatura precedente. A partir dese momento a súa produción incrementarase cada ano. La Fièvre (1965), Le Déluge (1966), L’ Extase matérielle (1967), Terra Amata (1967), Le Livre de Fuites (1970), La Guerre (1970), Lullaby (1970), Voyages de L’ autre Côté (1975), Mondo et autres histoires (1978), Desert (1980), Le Chercheur d’or (1985), Hasard (1999) e L’ Africain (2004)  son algúns dos títulos do seu extenso catálogo narrativo que acada case as cincuenta obras publicadas, na sua maior parte por Editions Gallimard. A súa última novela, Ritournelle de la faim, apareceu nas librarías francesas o pasado día 2 de outubro. A Academia Sueca na adxudicación do Nobel definiuno como «escritor da ruptura, da aventura poética e da extase sensual».

Etiquetas: , , , , ,

Unha resposta to “Le Clézio, Premio Nobel de Literatura 2008”

  1. «Le Clézio na casa», artigo de X.L. Méndez Ferrín « Xerais blog Says:

    […] na editorial en 1987 a tradución de Raquel Villanueva e Valentín Arias e edición en Xabarín de Mondo e outras historias de J. M. Le Clézio, o premio Nobel de Literatura 2008. Naquel momento a veterana colección […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: