O venres, 10 de outubro, ás 19:30 horas, Fran Jaraba presentará na Livraría Torga de Ourense Terra libre, a terceira entrega da triloxía protagonizada polo seu personaxe Maxi Torre. A presentación está encadrada dentro das actividades das XX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense.
Cuba, 1897. A illa vive sumida nunha crúa guerra entre as tropas independentistas -os “mambises”- e o exército colonial. A poboación campesiña sofre especialmente a dureza do conflito. Por orde do mando militar español é desaloxada das súas casas e evacuadas ás cidades, ou internada nos chamados “poboados de reconcentración” baixo a vixilancia e o control do exército. Un destes poboados, Cañas Largas, é peza clave para que Chinito, un líder mambí, consiga liberar un amplo territorio, proclamando así a primeira República independente cubana. Ao mesmo tempo, un tenente norteamericano, camuflado de naturalista, é desembarcado na costa sur da illa coa misión de entregarlle unha carta na man ao xeneral mambí Calixto García. Na misiva, o Goberno estadounidense ofrécelle a axuda das súas tropas para derrotar conxuntamente o exército español. Pero a este intrépido oficial non lle vai vai resultar doado chegar ata García. No seu camiño curzaranse Chinito, Gargajo, a Garda Civil, Pepesito e, sobre todo, Maxi Torres.
Con Terra libre, Fran Jaraba finaliza a triloxía iniciada con Cita na Habana (2000) e continuada con Campos de Cuba (2004), publicados por Xerais, simultaneamente en edicións galega e castelán.
Recomendamos a entrevista con Jaraba, publicada onte nas páxinas de La Voz de Galicia.
Etiquetas: campos_de_cuba_, cita_na_habana, fran_jaraba, la_voz_de_galicia, terra_libre
Deixar unha resposta