«Os nomes do traidor», crítica en «Culturas»

Ramón Nicolás publicou o pasado 23 de agosto no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre Os nomes do traidor, a novela de Xurxo Sierra Veloso. Reproducimos o texto:

SOBRE IDENTIDADES E TRAIZÓNS. XURXO SIERRA OFRECE UNHA INTENSA, MADURA E DESACOUGANTE NOVELA
Xurxo Sierra (Caracas, 1969), malia non ser un dos narradores galegos de maior presenza pública, si é un autor que xa posúe un corpus certamente a ter en conta constituído pola súa estrea –Os ollos do rei de copas (1994)-, á que seguiron Licor de abelá con xeo e Os mércores de Fra, ambas as dúas premiadas e publicadas en 2006, ata a presente Os nomes do traidor. Polo tanto catro novelas entre as que talvez se poida extraer, como un dos trazos máis peculiares da súa produción, a versatilidade temática que exhibe –nunca reescribe a mesma novela aínda que se ocupe con frecuencia de asuntos como a morte, o destino ou o amor- e mais o dominio das diferentes perspectivas e posibilidades técnicas desde as que abordar o exercicio de ficción.

Con todo, cómpre centrarse nesta proposta que afonda naquelas reviravoltas sufridas por un personaxe acollido a un programa de protección de testemuñas logo de declarar en contra dun narcotraficante. O asunto, que pode resultar máis ou menos atractivo, arróupase a través da mestizaxe, non sei se orixinal pero si moi efectiva, entre os xéneros da novela negra e da novela psicolóxica,  pairando así nas súas páxinas, e de xeito contundente e decisivo, tanto unha reflexión arredor do concepto da identidade persoal, do quen somos e cara a onde imos se seguimos sendo os mesmos ou se decidimos cambiar, como un proceso de esculca nas posibles consecuencias da práctica da traizón, que desde o singular deste caso ben se pode aplicar ao universal.

Sierra, así pois, opta por encaixar a súa historia nun molde fragmentario e alicerzado en múltiples perspectivas, estrutura que se alimenta desde un conxunto de voces e personaxes sólidos con acento propio que as fai doadamente recoñecibles polo lector a través dos diversos rexistros expresivos que outorgan a precisa verosimilitude e  facilitan a operación de singularizalos: velaí o máis común do protagonista Delanuit, pasando polo idiolecto culto de Sampaio ata aquel abeirado á xerga das fillas adolescentes do primeiro. Alén disto, é destacable a conxunción de planos espaciais mediante a que se nos traslada con axilidade dun a outro lugar e na que non falta, se cadra como marca de autor, un inexcusable sentido do humor espallado aquí e acolá, en ocasións entretecido cunha fina ironía cando esta se precisa.

As aparicións dunhas e doutras pezas deste friso, que nos conducen por sentimentos, actitudes e accións, por veces contradictorias pero sempre posibles, constrúen unha sorte de quebracabezas no que todo vai pouco a pouco atopando o seu lugar deixándonos transitar con liberdade ata darmos cun desenlace inesperado, de filiación moi cinematográfica ao meu ver. Unha novela áxil e fresca,  ben lonxe, así pois, de tonalidades por veces pretensiosas que matan o que podería ser unha boa historia. Ramón Nicolás

Advertisements

Etiquetas: , , , , ,

Unha resposta to “«Os nomes do traidor», crítica en «Culturas»”

  1. Os fíos, por Xurxo Sierra « Caderno da crítica Says:

    […] fíos, así pois, situada no ronsel da súa anterior novela titulada Os nomes do traidor (Xerais, 2008, e traducida ao castelán por Faktoría K de Libros este mesmo ano pasado), […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: