“A cabeza de Medusa”, premio Fundación Caixa Galicia 2008

O xurado da 3ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Isabel Bilbao Freire (responsable de acción externa da Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e tradutor), Andrea Maceiras Lafuente (estudante de Filoloxía), Antonio Piñeiro Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis), Einés Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e oito obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Eu son ti”, “O derradeiro inverno” e “Tusitala”.

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Eu son ti” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Marilar Aleixandre e corresponde ao título A cabeza de Medusa.

A novela gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2008 arrinca con enorme contundencia: “O venres en que ía ser violada amenceu bochornoso”. Esta é unha obra que dende o principio nos sitúa de cheo e sen ambaxes na historia de Sofía, unha estudante de bacharelato que, xunto coa súa amiga Lupe, vai ser violada por un descoñecido ao saír dunha festa de Entroido. Violada, como as mulleres dos mitos clásicos que estudan na clase de Latín; como Medusa, a máis fermosa das Górgonas, forzada por Neptuno polo simple feito de ser bela. E se na mitoloxía a deusa Minerva, no canto de castigar o violador, castiga a Medusa transformándolle a cabeleira nun niño de serpes e condenándoa a converter en pedra a quen a mire, Sofía e Lupe tamén sentirán o castigo desa parte da sociedade que pensa que “as rapazas en minisaia están pedindo a berros que as violen”.

Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A cabeza de Medusa conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. Os personaxes, en maior medida adolescentes, cun papel significativo no desenvolvemento da acción, son tratados cunha elaborada caracterización que os identifica coa mocidade actual, o cal lle imprime verosimilitude á narración. A verosimilitude verase tamén apoiada por unha localización espacial concreta. A amizade, a solidariedade e a esperanza enchen as páxinas dunha obra comprometida que aborda con rigor e coñecemento un tema difícil, o da violencia, neste caso sexual, exercida contra as mulleres. Un tema que cómpre abordar coa valentía, a claridade e a tenrura con que se aborda nesta obra.

Marilar Aleixandre declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “Este libro fala de como vencer ao medo e á vergoña. Crese que é valente quen mata un tigre, mais eu considero que fai falta moito máis valor para enfrontar a vergoña e o medo. Escribir é entrar nun diálogo con outros, con outras. Con quen escribiu antes ca nós, con quen agora len e pode que escriban máis tarde. A cabeza de Medusa dialoga co poeta latino Ovidio, con quen convivín varios anos mentres escribía Mudanzas. Aínda que ás veces eu lle leve a contraria, foi Ovidio quen me ensinou que Medusa, antes de ser unha terríbel cabeza con serpes por cabelos, foi unha rapaza fermosísima, e que a súa transformación era un castigo por ser violada”.

Continuou a gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia dicindo que “esta novela non transcorre nos tempos mitolóxicos (aínda que nela aparecen sandalias aladas e ollos en empréstimo), senón nos nosos. Dialoga tamén coas mulleres que, logo de seren violadas (ou maltratadas) fisicamente, son violadas socialmente por segunda vez. Como a Medusa, ninguén as mira aos ollos por medo a converterse en pedra, por medo a compartir a súa vergoña. Como Medusa, que se converteu nun poderoso talismán, Sofía, a protagonista da novela, négase a comportarse como unha vítima, a agocharse, a calar. Neste proceso de vencer ao medo e á vergoña, o amor xoga un importante papel. O amor, simbolizado na novela polos amorotes ventureiros (á fin, ‘amorote’ debe derivar dun cruzamento entre ‘amor’ e ‘ámote’). Eu estou segura: Perseo namorouse de Medusa”. Marilar Aleixandre rematou a súa intervención expresando que “esta novela tamén é un diálogo cunhas rapazas, alumnas dun instituto onde eu ensinaba, que foron violadas primeiro fisicamente, despois simbolicamente. É unha historia que levei dentro durante moito tempo, sabendo que a escribiría algún día”.

Advertisements

Etiquetas: , ,

2 Respostas to ““A cabeza de Medusa”, premio Fundación Caixa Galicia 2008”

  1. Adianto de “A cabeza de Medusa” « Xerais blog Says:

    […] Xa se pode ler o capítulo 9, que leva por título “Mordendo as uñas”, d’ A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, novela gañadora do III Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura […]

  2. O gume da espada » Arquivo do blogue » Cantos anos xa? Says:

    […] regalo do Día das Letras deste ano, lin A cabeza de Medusa, de Marilar […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: