“A cidade e os días”, brillante presentación

Foi moi brillante o acto de presentación da nosa edición galega d’ A cidade e os días celebrada onte no Museo Marco. En primeiro lugar interviu Manuel Bragado, director da editorial e co-tradutor da obra, xunto a Pablo Sánchez Mato, que glosou a importancia e as características da edición preparada por Xerais e apoiada pola Alcaldía do concello de Vigo. Despois de enmarcar o libro no conxunto da produción literaria de Álvarez Blázquez, Bragado rematou expresando que

“tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna (xa que para o autor, Vigo derrámase dende o Val do Fragoso até o esteiro do Miño) escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto”.

A continuación interviu Alfonso Álvarez Cáccamo, terceiro fillo de Xosé María e autor da Fotobiografía editada por Xerais, que comezou as súas palabras salientando que “esta edición en galego dun libro que estaba presente na nosa casa por todas partes era unha das arelas máis íntimas do meu pai”. Despois de relatar algunhas anécdotas sobre o traballo erudito de Álvarez Blázquez (“Meu pai pertence a unha xeración de tacaños do papel que escribían co bolígrafo BIC vermello”), Alfonso foi debullando algúns dos personaxes vigueses con maior presenza na obra, como Elduayen, Cachamuíña ou Araújo de Lira. Rematou recordando a fidelidade excepcional de don Xosé María cara a súa familia e os seus amigos, “o que non lle impedía manter coa maior firmeza as súas conviccións”.

Lalo Vázquez Gil, actual Cronista Oficial da Cidade de Vigo e amigo e colaborador de Xosé María, comezou as súas palabras sinalando que “o libro era interesantísimo, tanto por presentar un repertorio local de efemérides como por ser o primeiro na historiografía viguesa que o incorpora o sentido moderno da historia, superando amplamente todas as contribucións anteriores”.

Pola súa banda, Ceferino de Blas, director xeral de Faro de Vigo, comezou o seu discurso lembrando que o primeiro de ano de 1959 Faro de Vigo publicaba o primeiro dos artigos dunha serie titulada “Calendario histórico de Vigo” que Xosé María Álvarez Blázquez publicaría diariamente e de forma ininterrumpida no diario decano ao longo de todo ese ano. Ao longo da súa intervención de Blas, recordou a figura de Francisco Leal Insua, director entón de Faro de Vigo que abriu a etapa de directores literarios do periódico (continuada por Cerezales e Álvaro Cunqueiro) que permitiu que nas páxinas literarias publicasen plumas como as do propio Xosé María, Álvaro Cunqueiro, Diego San José, José Espinosa ou Julio Sigüenza.

Pechou a quenda de intervencións Abel Caballero, alcalde de Vigo, que amosou a súa satisfacción pola edición dun libro extraordinario para Vigo e pola colaboración con Edicións Xerais de Galicia.

Etiquetas: ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: