O sábado, 17 de maio, ás 12,30 horas, na Casa das Letras de Ribadeo presentaremos o libro e o DVD Boas noites de Paula Carballeira, obra gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2006. No acto participarán a autora e os músicos Vadim Yukhnevich, Pablo Pérez e Manolo Panforreteiro. Logo, ás 19,00 horas, no Auditorio Hernán Naval, terá lugar a representación da obra a cargo da compañía Berrobambán.
Xiana, a protagonista de Boas noites, non ten tempo nin para pensar, moito menos para xogar ou para soñar. E se non dá pechado os ollos pola noite, Pedro Chosco non pode facer o seu traballo, que é acabar cos medos… Os áxiles diálogos desta peza, a orixinalidade na elección do tema, o estrés infantil, un argumento contemporáneo abordado seguindo a tradición fantástica, valéronlle a Paula Carballeira o primeiro premio Manuel María convocado polo IGAEM de Literatura Dramática Infantil do ano 2006. Guía Interactiva: Esta guía interactiva é un DVD co que se pode escoitar a música do espectáculo “Boas noites” e no que ademais se pode acceder a unha serie de actividades orientadas a educadores, nais, pais e rapaces coas que se pode coñecer mellor os medos máis comúns da cultural tradicional galega.
Etiquetas: berrobamban, paula_carballeira
Deixar unha resposta