Presentación de “Limpeza de sangue”

O día 8 de maio, xoves, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo presentarase Limpeza de sangue, a obra pola que Rubén Ruibal mereceu o Premio Nacional de Literatura Dramática. No acto participarán o autor, acompañado por Xaime Pena e Manuel Bragado.

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) de Rubén Ruibal foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. Os seus protagonistas, Fernando e Pantaleón, procedentes de mundos aparentemente opostos coinciden, á espera do seu transplante ou do inevitable pasamento, na sala de diálise dun hospital. Igualados pola situación e obrigados a facerse mutua compañía, coñecen outros aspectos da vida aos que a rutina diaria non lles permitiu que lles prestasen atención. Ven nacer así unha amizade inimaxinable, mentres todo ao seu redor continúa o seu obsesivo, prexuízoso e sistemático funcionamento, no que nin sequera unha inocente proposta roubada de Príncipe e mendigo de Mark Twain abrirá unha nova porta.

Etiquetas: ,

Deixar un comentario