No seo da Cea das Letras, celebrada onte en Santiago, Agustín Fernández Paz e Justo Beramendi recibiron os Premios AELG 2007 correspondentes ás categorías de Libro infanto-xuvenil e Ensaio, respectivamente. Os premios foron concedidos tras as votacións realizadas por 367 membros da AELG e, no caso do premio infanto-xuvenil, tamén polos de GALIX.
A obra premiada de Fernández Paz foi O único que queda é o amor, que no mes de decembro pasado xa recibira o premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007, concedido pola Asociación Galega de Editores.
Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amar. Un libro memorable.
Pola súa banda, o premio recibido por Beramendi, na categoría de Ensaio, correspondeu a De provincia a nación. Historia do galeguismo político, obra que hai dúas semanas recibira o Premio á Obra Editorial do ano 2007, concedida pola Federación de Libreiros de Galicia.
Tamén foron premiados polos asociados da AELG Xosé Luís Méndez Ferrín (Mellor traxectoria xornalística), Iolanda Vilarchao (Tradución), Miguel Anxo Murado (Narrativa), Marica Campo (Poesía) e Millán Picouto (Teatro).
Etiquetas: AELG, beramendi, fernández_paz
Maio 11, 2008 ás 11:20 am |
[…] ao libro de Beramendi únese aos xa outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Os nosos maiores parabéns para Justo por dous premios tan […]