1995, XIIº Premio Xerais
Vilagarcía, novembro 1995
A cidade de Vilagarcía acolleu a duodécima edición dos Premios Xerais. Introducíronse como novidades desta edición un apretado programa de presenza de autores e autoras gañadores do Premio Merlín no centros escolares, que mantiveron encontros cos escolares de todos os centros de Vilagarcía.
As actividades previas ao fallo tiveron lugar na Casa da Cultura de Vilagarcía. Xabier Senín, subdirector Xeral da Consellería de Cultura inaugurou as actividades cunha conferencia sobre a situación do libro galego.
De entre os 24 orixinais presentados ao certame de novela, ata entón unha das edicións con maior participación, o xurado escolleu por maioría a presentada baixo o lema “Contrapunto” da que resultou ser autor o xornalista Anibal C. Malvar. A novela foi editada co título definitivo de Unha noite con Carla.
Unha noite con Carla é a reconstrución da historia contraditoria e fragmentada dun limpabotas de políticos crecentes que acabou morto. Unha novela enmarcada no xénero negro, anque con variantes estilísticas que rompen coa convención obxectivista da prosa habitual neste tipo de literatura, é unha meditación sobre a inocencia, narrada cun estilo duro e directo, por momentos mesmo desapaixonado e cruel, no que destaca a aparición do diálogo como un dos recursos máis adecuados para aproximar ao lector a actualidade viva da materia novelada.
O premio Merlín foi adxudicado, entre os 28 orixinais participantes, á novela Perigo vexetal, que foi presentado co mesmo lema por Ramón Caride Ogando.
Perigo vexetal é unha clásica novela de aventuras ambientada no ano 2075. Dous irmáns orfos de 10 e 12 anos, póñense en contacto cos “rapaces do pasado” para contarlles unha extraordinaria aventura. Os dous irmáns, que viven nun muíño da parroquia de Loreda, descubren, por medio da rede informática universal, un plan para dominar o mundo, e loitan para contrarrestalo.
Deixar unha resposta