Hoxe ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia de Vigo presentarase Anti natura, o novo ensaio de María Xosé Queizán. No acto, acompañarán á autora Carme Adán e os actores María Armesto e Xavier Picallo.
Anti natura é unha viaxe polo saber. María Xosé Queizán descobre as trampas e simplifica as teorías que, desde Aristóteles ata Freud, lexitimaron o patriarcado, deténdose nas distintas concepcións do feminismo e apoiándose nos valores racionais de igualdade e xustiza. O saber é quen de mudarnos a mirada e de automodificarnos, de suprimir a opresión e a apropiación patriarcal; con todo, os cambios non serán inmediatos, a pesar das leis, e nin sequera se producirán de balde: traerán o custo do enfrontamento cos intereses sociais, políticos e económicos acomodados á situación, así como un custo de vidas humanas que as mulleres xa están a pagar. Toda viaxe leva a algures: esta viaxe parte do saber científico para rescatar as mulleres da escuridade á que estiveron predestinadas durante séculos para conducilas á luz pública.
Aquí pódese escoitar a entrevista que lle fixeron á María Xosé Queizán no Diario Cultural da RG.
Etiquetas: anti_natura, carme_adán, queizán
